06/02/19




SI LOS GATOS DESARECIERAN DEL MUNDO
O luns 21 de xaneiro de 2019 tivemos unha reunión do Club de lectura dos maiores. Nesta ocasión o libro escollido foi Si los gatos desaparecieran del mundo do escritor xaponés Genki Kawamura.


Nun primeiro cambio de impresións observamos que nos gustou a uns pero a a outros non, chegando incluso alguén a dicir que non tiña claro o significado do desenlace.
A pesares disto, cando nos puxemos a analizar en profundidade o libro, o debate foi moi interesante. O protagonista (sen nome, polo que moitos chegamos a conclusión de que o libro é unha carta, a carta que o protagonista di escribir ao seu pai) non nos deixa indiferentes, uns estamos de acordo coa súa actuación e outros non (ten unha enfermidade terminal e vai morrer, pero é tentado polo diaño).
Debatemos sobre a súa relación co seu pai, fundamentalmente.Do porque do seu distanciamento con el, se tiña razón ou non, a pesares de que el mesmo ao final do libro considera que debe poñerse a ben con el, e tamén da súa relación cos demais personaxes do libro.
A figura do diaño e as decisións de eliminar obxectos do mundo para alongar a vida do protagonista, obxectos seleccionados polo propio diaño e todos eles moi relacionados coa vida do mesmo, tamén foron obxecto de discusión. Aquí xorden temas como a relixión, o materialismo, a negación da realidade (e duro pensar que vas morrer)... Analizamos tamén a figura do diaño, que aparece como o mesmo protagonista pero cunha vestimenta especial.
O gato (animal que está no título da obra) que aparece no libro foi, loxicamente, tamén obxecto de debate. A maioría consideramos que este era o nexo de unión entre os pais e o fillo. Cando o diaño di que para que o protagonista siga vivindo hai que eliminar os gatos do mundo, a novela precipítase. En efecto, aparece unha carta da nai do protagonista, gardada pola súa ex-noiva, que lle fai reflexionar e tomar a decisión final de reconciliarse co seu pai e deixar de eliminar cousas do mundo, ou, o que é o mesmo, asumir a súa morte.
Á proposta dalgún dos membros do club analizamos e opinamos sobre as frases: "Vivir e fermoso polo feito de vivir", e "Vivir por vivir non ten sentido".
Quedamos de acordo en que hai que aproveitar o tempo ao máximo.



Ningún comentario: