01/05/19



LA TRENZA  Laetitia Colombani





O pasado luns 25 de febreiro adicamos a sesión do noso Club de Lectura a La trenza, de Laetitia Colombani, unha novela que nos cautivou dende a primeira páxina.
Con perto de medio millón de exemplares vendidos en Francia e case trinta traduccións en curso,
La trenza foi un dos fenómenos editoriais de 2017, e os lectores do club confesáronse dentro de tan enorme número de admiradores da novela.

Laetitia Colombani aborda, nesta narración vibrante e conmovedora, as historias de tres mulleres que, malia teren nacido en tres continentes moi diferentes, comparten unhas ideas e sentimentos que as unen na búsqueda de liberdade.
A través de Smita na India e o seu desgarrador relato da miseria da casta máis pobre, a vida de éxito truncado de Sarah en Canadá, e por último a dor da perda que sofre Giulia en Italia, asistimos ao cruce de camiños dos seus relatos, que nos descobren a unhas mulleres extraordinarias que conseguiron levar a cabo os seus soños de cambiar o seus destinos.

Comezamos lendo en alto os poemas do principio e final do libro, e logo de discutilos saboreamos o coidadísimo estilo da autora nas descripcións dos sentimentos, e os retratos máis crudos da realidade na que viven os máis desfavorecidos da India.
A continuación, os lectores fixeron unha profunda análise dos personaxes, reflexionaron sobre o papel da educación na muller e abordaron o tema da desigualdade social que sofren tantas mulleres nos paises máis pobres e nos máis desenvolvidos no ámbito laboral.
Por último, compartimos o tradicional biscoito de chocolate de clausura da sesión, e prometemos seguir de cerca a Laetitia Colombani á espera de que publique pronto unha próxima novela. 



Coma sempre, foi tremendamente estimulante compartir esta sesión con tan ávidos lectores ( e papadores de biscoito de chocolate ) e poder escoitar cómo debatían sobre tantas cuestións literarias e sociais que se agachan nesta interesante novela.

Marián Gundín




Ningún comentario: