03/06/19






CLUB DE LECTURA . MAKINARIA de Carlos Negro





Reunímonos cun grupiño de 2º da ESO na 3ª hora de ler da 2ª avaliación para comentarmos o poemario de Carlos Negro, Makinaria.
 O libro foi premiado polos clubs de lectura de Galicia no 2018 e, tras esta sesión  e posta en común, coincidimos con ese recoñecemento. Nestes poemas reflexiónase, desde un ritmo rápido próximo ao rap, encol da sedución e riscos de vivir ao límite, especialmente durante a mocidade. O libro vai mostrando aos poucos como a paixón por vivir rápido e lindando co perigo, propio das carreiras de coches e o mundo das drogas, acaban por levarnos a situacións certamente dramáticas. Así pois deixámonos levar nos seus versos por un camiño vitalista de autodestrución, unha fuxida a ningunha parte, desde un ritmo imparable como o dos coches, desde un volume alto como o da música na mocidade e desde a negación e rebeldía que agocha a problemática das drogas. 
O tema pois é xa clásico (no carpe diem ou nas claves da traxedia) e levar a poesía a referentes rítmicos e musicais tampouco é novo. Mais, os poemas actualízanse nos referentes máis próximos e na realidade das vilas galegas. 
Por suposto, lemos en alto algúns poemas a ritmo base de rap, con diferentes entoacións e volume. Comentamos os nosos versos favoritos. Puxemos en común algunhas interpretacións e tentamos comprender a historia que vai detrás dos poemas. Tamén escoitamos algunha das cancións que se referencian no libro, por exemplo "Born to run" de Bruce Springsteen. Comentamos algunha escena de cine (Rebeldes sen causa ou Fast & Furious). Compartimos o que supón ter un coche sendo nova ou novo e valoramos un anuncio da DGT. En definitiva fomos falando do que se di na poesía e non tanto fóra dela. E, como non podía ser doutro xeito, fixémolo a todo gas, pisando a fondo e a ritmo de metralla, mais tamén comendo galletas."

Lorena Pérez

Ningún comentario: