APLICACIÓN INSTANTÁNEA de Carlos Negro
Neste
curso, xuntámonos o club de lectura de 2º da ESO e a profesora
Lorena Pérez, para falarmos do último libro de poesía de Carlos
Negro, Aplicación
instantánea.
(20 de xaneiro e 10 de febreiro)
Nunha
1ª sesión falamos da poesía que coñeciamos e logo especulamos
sobre o libro pola portada. Lemos a presentación. Para que serve a
poesía? Normalmente preséntase como unha voz íntima, mesmo
inmortal. Mais neste libro presentábase como unha aplicación de
móbil ou da internet, e instantánea, inmediata, como un produto de
consumo. Quedounos claro que a intención era unha poesía que nos
fose útil. Para que? Ao revisarmos o índice... Topamos 4 avatares,
4 perfís de usuarios. Nos títulos dábase unha recorrencia: selfie,
autopoética, amistade, amor, ... Así que lemos cada descrición dos
avatares e cada grupo elixiu o que lle parecía máis interesante.
Quedamos en vernos despois de tres semanas para explicar cada grupo o
seu avatar e poñermos en común a lectura.
Na
2ª sesión houbo de todo. A algún encantoulle todo o libro, algúns
reafirmábanse na escolla do seu avatar e outros identificábanse coa
proposta doutro. En todo caso, todos tiñamos claro que esa poesía
servía para nos expresar, ao coincidir ou non coas 4 propostas.
Describimos os avatares, valorámolos. Pasamos a ler os poemas que
máis nos gustaran. Tiramos un selfie co libro, outro modo de nos
mostrar. Deseguido, saímos da biblioteca ao corredor de 2º da ESO
para facermos dous poemas-grafittis do avatar urbano, practicante de
parkour, que tivo máis éxito. Todos escribimos algunha letra. A
poesía tamén é expresión nas paredes, acción, momento de
diversión, pensamento crítico. Fixemos moito barullo para unha hora
de ler. Mais gostamos do resultado. Regresamos á biblioteca para
comermos unhas merecidas galletas mentres cadaquén perfilaba o seu
avatar poético.
Grazas
club de 2º ESO!! Compartir este libro con vós foi un subidón de
enerxía, poética tamén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario