22/03/20



ATRANCO NO BANCO de Manuel Nuñez Singala


O pasado luns, día 9 marzo, tivemos a derradeira sesión do club de lectura do segundo trimestre co alumnado de 1º ESO dirixido por Celtia Rey Brandón .Nesa última hora da tarde aproveitamos para compartir impresións sobre a obra de lectura, analizala, xogar con ela e mesmo representala!
A sesión comezou na biblioteca do centro, colocados en círculo, o primeiro que fixemos foi comprobar se a lectura gustara: en xeral, parece que tivo boa acollida. Atranco no banco é unha obra teatral publicada por Núñez Singala a finais do pasado 2019. Así, aproveitamos para analizar un pouquiño a súa estrutura, en que se diferenciaba da narrativa e foi sorprendente ver que o alumnado parecía moi animado a ler este xénero ao que non están tan afeitos. En segundo lugar, a obra é unha comedia, polo que repasamos algúns dos momentos que máis gracia lle fixeron. Falamos tamén dos personaxes, como eran, que pretendían conseguir...
Debullando pouco a pouco as páxinas desta curta pero simpatiquísima peza rematamos a conversa cun xogo de palabras que os nosos protagonistas repiten ao longo da obra. Consiste en designar unha tenda unindo un nome de persoa co do establecemento: Farmacia Remedios, Froitería Claudia, Peixería Delfín. Saíron moitos nomes orixinais e botamos unha risa!
Finalmente, a derradeira parte da sesión consistiu en formar grupos de 4 persoas no que cada unha representaría un dos nosos personaxes: dous ladróns, o director dun banco e unha secretaria. Para isto, contaban con diversos accesorios para caracterizarse (lentes, perruca, garabata, gorro...). Cada grupo escollía un papeliño no que aparecía descrita unha escena que posteriormente tería que representar no salón de actos do centro.
A actividade, como Atranco no banco, foi breve pero mereceu a pena, xa que o pasamos moi ben!

Ningún comentario: