Amosando publicacións coa etiqueta Chamádeme Simbad. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chamádeme Simbad. Amosar todas as publicacións

18/04/10

Sesión conxunta dos dous clubs

O pasado Luns 12, Día do libro infantil e xuvenil, celebramos unha sesión conxunta dos dous clubs de lectura. Os de primeiro ESO viñeron por vez primeira a unha sesión con comida na biblioteca. Os do club de "veteranos" fixeron de anfitrións. A experiencia resultou positiva, pois tratábase de que a xente nova puidese observar como se desenvolven os debates, aínda que tamén participaron. Para esta ocasión os máis veteranos traían preparado " O vixía no centeo", de Salinger, e os de primeiro viñan con "Chamádeme Simbad" de Francisco Castro. Este último autor estará o próximo mércores 21 con eles para falar da súa obra, pois non se puido facer o día 14.

Esperamos unha crónica da sesión por parte dalgún dos que participastes.

Acordamos que, ademais de "As rulas de Bakunin", de Riveiro Coello, leremos unha traxedia grega, seguramente "Edipo Rei", para rematar o curso en consonancia coa exposición sobre Grecia que preparan os do Proxecto Interdisciplinar.

15/03/10

Matilda para 1º de ESO



O pasado luns tivemos unha sesión do club de lectura prometedora. Esta vez xuntámonos cosa mozos e mozas de primeiro da ESO, que primeiro participaron no concurso "O libro do mes" (dez minutiños para contestar a un cuestionario sobre o libro) e a continuación cambiamos algunhas impresións sobre Matilda, un libro que gustou a todos/as. Esta vez xa foron emitindo opinións particulares sobre diversos temas: a familia, a educación, o afecto, o mundo do traballo... Quedamos de acordo en ler para unha próxima sesión Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Faremos a sesión, conxunta cos do club dos demais cursos, o día 12 de Abril (Día do libro infantil e xuvenil) e por primeira vez quedarán con nós a comer na biblioteca. Posteriormente, o día 14, teremos un encontro con Francisco castro.


Tamén demos o nome da gañadora do concurso do mes anterior, Denise, á espera de coñecer os resultados deste mes. Deixamos unhas fotos dos lectores/as participando no concurso.