Amosando publicacións coa etiqueta Veinte poemas de amor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Veinte poemas de amor. Amosar todas as publicacións

01/03/10

Comendo con Pablo Neruda

O pasado día 22 tivemos unha sesión atípica: estivemos falando só de poesía, tendo como libro de cabeceira Veinte poemas de amor y una canción desesperada. Cumprimos así o desexo dalgúns compoñentes que levaban tempo pedindo poesía. Como non, aproveitamos ese mes de febreiro adicado ao amor. Pero descubrimos que non só do amor vive a poesía, e que incluso a poesía de amor se desenvolve en planos moi diversos: falamos do outono, da primavera, de Marisol e Marisombra, de amores platónicos, de amores xuvenís, de amores tardíos, de amores interesados, de erotismo... pero tamén fixemos un repaso da figura do poeta. Por medio duns vídeos documentais repasamos a vida de Neruda e tamén os feitos que influíron na súa poesía: a Guerra Civil española, o exilio, a política chilena, Isla Negra, Italia, o Nobel, as súas mulleres, o compromiso social... Unha morea de feitos que viron a luz co pretexto de falar de poesía amorosa. Alegrounos moito comprobar que sempre que falamos algo de poesía acaba aparecendo na boca dos membros do club a nosa Rosalía... sempre Rosalía. Parece que de algo serviron esas rutas literarias.
Planificamos as próximas lecturas: Anxos en tempos de chuvia, de Miguel vázquez Freire; O vixía no centeo, de Salinger e As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello. Miguel e Antón estarán con nós na biblioteca. Tamén voltará á biblio Francisco Castro, para estar cos do club de primeiro e falar de Chamádeme Simbad.
Os ensaios da obra de teatro van a bo ritmo e xa temos falado da ruta literaria ao Courel.

05/02/10

A voltas co amor. Pablo Neruda

Despois da lectura de Resistencia, de Rosa Aneiros, retomamos a idea coa que iniciamos o curso de ler e comentar grandes autores do século XX. Este mes, no que andamos enredados co amor, tócalle o turno a Pablo Neruda e os Veinte poemas de amor y una canción desesperada. satisfacemos así tamén o vello requerimento de ler poesía no club de lectura. A finais de febreiro teremos unha xuntanza especial con música incluída. Invitamos xa dende agora aos antigos compoñentes do club: xa sabedes que estades todos/as invitados. Estade atentos ao blog para ver a data exacta da sesión. Mentras tanto, que Cupido vos sexa propicio.