29/11/13

Palabras de auga

O luns 25, baixo a mediación da profesora Ana López, tivo lugar una sesión máis do club de lectura de 2º e 3º de ESO. O libro escollido foi Palabras de auga, de Marcos Calveiro, autor co que agardamos ter un encontró no próximo trimestre. Buscamos un libro que nos dese para traballar o tema dos Dereitos Humanos, e vaia se deu de si. As únicas críticas, de parte dun grupiño pequeno, que se lle fixeron son relativas a que non coincide cos parámetros narrativos aos que están acostumados, cunha maneira de narrar "non lineal".  Á gran maioría gustoulle moito o libro, do que destacaron aspectos que lles chamaron a atención, alleos á nosa cotidianeidade, como o feito de ter que ir buscar auga tan lonxe, ou que as mulleres sexan as que máis traballan e as últimas en comer, se é que queda algo. Outro aspecto relevante do que se falou foi o respecto á vellez e que os anciáns sexan autoridade. Tamén houbo conversa sobre o traballo infantil, os nenos soldado, o problema da desertización e a inmigración, problemas que parecen alleos a nós pero que están aí ao lado e ás veces estoupan diante dos nosos ollos. Coa participación de 23 alumnos/as, todos con algo que opinar, fixo que as dúas horas entre a comida e os pasteis do postre pasasen voando.
Gustounos Marcos Calveiro e agardamos a súa visita. 
E para xaneiro teremos una sesión especial, pois estará dirixida directamente polo autor do libro que imos ler, pero diso xa falaremos.


12/11/13

Eskoria


Hai uns días, o luns 28 de outubro, tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura. Como ven sendo habitual, quedamos na biblioteca despois das clases da mañá para compartir comida e reflexións. Esta vez o libro escollido foi Eskoria de Alfredo Gómez Cerdá que en xeral gustou moito e deu para bastante conversación.

Mentras comiamos, escoitamos  a música de Charlie Parker, "Bird", sobrenome  que,  despectivamente, deron os acosadores a Diego, o protagonista do libro, trala estupenda exposición feita por el sobre o músico e a súa obra.

Falamos dos motivos que facían a Diego diferente; do poder integrador, e a vez illador, do fútbol;  reflexionamos sobre o gusto polo silencio fronte ao ruído estridente das motos, sobre se compensaba xogar ao fútbol ou ceder a facer algo que non nos agrada para facilitar a integración. Analizamos a postura de Gloria, parella de Diego, dende diferentes ángulos pois non todos pensabamos o mesmo; o comportamento  dos pais nun mundo de présas; a amizade de Fede, os consellos a Diego, os motivos que o levaron a ese desgraciado final;  a conduta e personalidade dos acosadores; e a cobardía ou valentía ante a vida, as diferentes actitudes de Diego, o final do libro...

E, case sen notalo, chegou a hora de concluír despois de moita conversación endulzada con tarta de queixo e chocolate; tras comprobar o ben que argumenta este alumnado que asiste ao club de lectura. Foi un doce pracer.


25/05/13

Dragal e Fantasmas de luz

No 13 de maio tivemos as últimas sesións presenciais. Dragal foi unha lectura relaxada, como un premio á fidelidade dese alumnado de 1º que se mantivo aí todo o curso. E a maioría gozou coa lectura de Dragal. Ao alumnado pareceulle unha novela de aventuras e fantasía cun bo ritmo, que dá gañas de seguir lendo para descubrir que vai pasar con Hadrián metido dentro dese labirinto subterráneo.
Pero non puidemos evitar as comparacións con outras novelas fantásticas que todos/as coñecen. Poucos aprecian o feito de que a acción sexa en Galicia, parécelles imposible, e sen embargo non poñen reparos a un Éragon ou Eidolon. E entón falamos do efecto
que consegue o afastamento, tanto espacial como temporal  e volvemos sobre Dragal, xa que axiña se decataron de que ese efecto está tamén, por iso hai un pasadizo debaixo da igrexa que nos traslada a un submundo onde as cousas son posibles.  E falamos dos elementos da literatura popular e ata da épica. E encargamos xa a segunda parte.




 





 Despois de dar boa conta duns alimentos, xuntamonos na última sesión deste curso cunha ao carón dos Fantasmas de luz. Foi, sen dúbida, un regalo para todos/as a lectura desta obra do mestre Agustín. Moi axeitada para falar de sentimentos, para falar da crise, da invisibilidade dos problemas e das persoas, para falar da unión e da forza. Saíron á luz todas as cousas que nos están pasando causadas pola crise, os movementos sociais, as mareas. E souberon velo con esperanza, con esa esperanza que sabe transmitir Agustín. Gustaron moito as referencias cinematográficas que nos dá, pois botamos moitísimo tempo falando de cine, comentando e recomendando películas que saen na obra. Unha boa maneira de rematar o curso, levando para casa un saco de recomendacións. E foron gloriosas as madalenas de Pedro, segundo contan os que non estaban sacando fotos.

E veña, a preparar a ruta de Rosalía




Pola parte deste desastroso redactor, só dar as grazas a todos eses resistentes que estivestes aí, neste curso e máis os anteriores, pelexando pola lectura.
.

10/04/13

Chats e Romeo e Xulieta

O luns 8 de abril tivemos doble sesión do club de lectura. Comezamos cos de primeiro de ESO, nunha sesión para falar da obra de Andreu Martín, Chats.  Foi unha lectura que puideron facer con calma durante as vacacións, e que gustou moito. Para moitos era a primeira vez que se achegaban a unha obra cun tema real, lonxe das aventuras e dos mundos de fantasía. A obra trata o tema duro do ciberacoso, pero neste caso, ademais, agravado polo peligro real que corre a protagonista, unha moza de tan só 13 anos coa que as nosas mozas (e eles tamén) consiguen identificarse, aínda que todas coinciden en que elas non xogan así coa internet. Foi unha sesión para a concienciación dos perigos da rede, para falar de casos reais que algúns coñecían, pero tamén para as contar anécdotas divertidas mentres liquidamos as gominolas que nos trouxo Ángeles. E quedamos en que a próxima sería unha fantástica, Dragal, para cambiar o chip.

 
Despois de xantar ben, dúas horas para indagar nas orixes de Romeo e Xulieta, para falar, unha vez máis, da “orixinalidade” de Shakespeare, para revisar a súa vida, falar do seu Stratford-upon-Avon e, sobre todo, do seu labor cultural en Londres e do teatro Globe. Fixemos un percorrido polos amores históricos de Antígona e Hemón, de Píramo e Tisbe; pasamos pola recreación do noso autor, o tratamento do tema no romanticismo con Los amantes de Teruel, e como se reaviva o tópico no século XX, fundamentalmente a través do cine. Aproveitamos a ocasión para falar de  West Side Story e ver algún fragmento dese enfrontamento entre “Montescos e Capuletos”. E alguén comentou que estes amores imposibles reproducen os esquemas sociais de cada época e que, lamentablemente, agora nos tocaba lidar no terreo vampírico dos amores imposibles de Crepúsculo.

26/02/13

O neno can e Moonkid e Liberty

O luns 18 tivemos dobre sesión do club de lectura. Cos de primeiro de ESO, lemos O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, unha serie de historias de nenos e nenas como Aakesh, Nadim, Altair, Leila, Carlos... que viven baixo situacións inxustas, sen dereito a vivenda ou afecto dos seus pais, con limitacións físicas, etc.
O noso alumnado comenta fundamentalmente o afortunados que se senten a pesares deste momento complicado no que vivimos. Ás rapazas, sobre todo, chámalles a atención a historia de Leila, unha nena de 11 anos que é obrigada a casar cun home moito maior. Historias, en definitiva, que fixeron reflexionar a mozos e mozas e tomar conciencia do lugar real que ocupamos neste mundo. Quedamos para a nosa próxima lectura, xusto despois da Semana Santa. Esta vez escolleron a proposta dunha das rapazas do club, e leremos Chats, de Andreu Martín. Parece que comezan a interesarse por temas que lles afectan ou poden afectar directamente.

E despois, á hora de xantar,  cos rapaces e rapazas de 2º e 3º de ESO, xuntámonos para contrastar as nosas lecturas de Moonkid e Liberty, de Paul Kropp. Opinouse principalmente sobre as diferentes actitudes de Ian e Libby, rapaces das súas mesmas idades, ante as amizades, a entrada nun instituto novo, os complexos adolescentes, a rixidez ante os comportamentos dos pais, a censura dunha sociedade inmobilista, a preocupación pola imaxe,… temas que lles son cercanos, cos que deben lidar cada día.

E temos que felicitarnos por ter alumnado con espírito crítico, capaces de ler e de ler ben, e de recoñecerse eles mesmos en certas debilidades dos nosos protagonistas.

E buscamos referencias noutras obras xa lidas, achegámonos á historia e ao movemento hippy, visualizamos momentos do festival de Woodstock (porque se menciona na obra e porque nos parece adecuado ampliar datos a uns rapaces en período de formación) e falamos de cine. Sempre no convencemento de que así todos aprenderemos máis.

Pasamos case dúas horas que se converteron en tempo de análise, pero tamén de agrado. Porque buscamos, e a comida sempre axuda, que ese sexa un tempo de compartir. E acabada de pasar a semana do amor, decidimos tratar o tema e os tópicos a fondo coa nosa seguinte lectura: Romeo e Xulieta, de William Shakespeare

13/01/13

Farenheit 451 e Proxecto bolboreta

No último luns do trimestre tivemos dobre sesión dos clubs de  lectura.Os de primeiro de ESO,  seguindo o camiño marcado pola semana da ciencia, lemos Proxecto bolboreta, de Andrea Maceiras, unha interesante e divertida historia que mestura o amor, as matemáticas e un método científico un tanto chapuceiro, ao dicir do noso alumnado. Un científico galego percorre o mundo detrás do refacho deixado no Xapón pola á dunha bolboreta, para evitar que un ano máis tarde se produza unha catástrofe no outro lado do mundo. 

Cos maiores tivemos ocasión de compartir dúas entretidas e produtivas horas ao redor de Farenheit 451. Botamos a vista atrás, ás primeiras obras de ciencia ficción. Por alí apareceron Frankenstein e Verne. E chegamos a esta obra que nos permitiu reflexionar sobre a nosa situación actual, sobre a crise, que tamén se cerne sobre a cultura. E falamos da necesidade dos recordos e das relacións humanas que os fomentan. Pero sobre todo falamos da barbarie, das ditaduras inimigas das ideas propias. E por suposto, apareceu na nosa conversa O Quixote, co famoso episodio da queima de libros, e o libro prohibido de El nombre de la rosa. Fixéronsenos gañas de ler libros prohibidos. Tamén vimos e comentamos fragmentos da película. E deron as catro e tivemos que deixalo, non sen antes degustar uns magníficos postres navideños.


 

13/11/12

O principiño e Matilda

O pasado luns 29 de outubro tivemos as nosas primeiras sesións cos clubs de lectura. No club de 1º ESO lemos Matilda, de Roal Dahl, edición en galego. Esta primeira sesión serviu para coñecernos, pois xuntámonos 30. Foi unha sesión moi divertida, pois a todo o mundo lle gustou o libro (para algún incluso era o seu favorito) e houbo numerosas intervencións comentando todo tipo de anécdotas, polo que o moderador case non tivo que intervir, nada máis que ao final para facer un pequeniño cuestionario que supoñía unha especie de concurso de lectura,  de respostas rápidas para comprobar o grao de implicación coa lectura. Non fixemos fotos da sesión pois aínda había dúbidas acerca de quen tiña autorización para saír nas fotos.
A mediodía, na hora da comida, quedamos co grupo de 2º ciclo (34 participantes), ao redor de O principiño. Para moitos era a primeira vez que quedaban a comer, e isto foi para eles un aliciente. A verdade é que puidemos escoitar opinións moi meditadas e acertadas acerca dos múltiples temas que propón o libro, pero sobre todo acerca da amizade e os vínculos, e todos nos sentimos moi a gusto formando parte dese vínculo que crea o club. Tamén aproveitamos para constituír as patrullas lectoras que se encargarán de ir ler polas aulas en determinadas datas.
As nosa próximas lecturas serán Proxecto bolboreta, de Andrea Maceiras, para 1º ESO, e Farenheit 451, de Ray Bradbury, para 2º ciclo.

16/06/12

Vaiche boa!

A derradeira sesión cos do primeiro ciclo foi o día 21 de maio, e a obra un libro de relatos de Paul Jennings, Vaiche boa! Foi a obra que máis gustou do curso, pola maxia, o humor, os nenos protagonistas, as paisaxes tan similares ás nosas, unha serie de trazos que fixeron sentir a obra como moi próxima. Cada un interveu para dicir cal era o relato que máis lle gustara e as razóns. Leváronse a palma dous, o do home que morreu no retrete e o de CBV (crema de bosta de vaca),  e foi ese un dos motivos máis comentados, o ambiente escatolóxico da maioría dos relatos, que por si mesmo xa nos sitúa no plano humorístico.
 Pero tamén houbo lugar para a xustiza, a melancolía, as relacións familiares, e, como non, os chistes. Deixounos moi bo sabor de boca esta experiencia co alumnado de primeiro ciclo, agradecendo sempre a boa disposición e as vosas intervencións, máis ou menos acertadas, pero sempre respectuosas e sinceras.
                
Coa incertidume acerca do que pasará no próximo curso, por si acaso, deixamos o blog aberto para que no futuro vos poidades facer cargo del.

03/06/12

ENTREVISTA A TERESA PORTELA

No mes de marzo, Paloma e Julia realizaron esta entrevista a Teresa Portela, campioa do mundo de piragüísmo e a galega con maior número de participacións nos Xogos Olímpicos.

ENTREVISTA
P- Como te iniciaches no piragüismo?


R- Aos nove anos, por diversión. A verdade é que o colexio no que estudaba estaba cerca do club e da praia. Chamoume a atención o feito de poder quedar coas amigas no verán, ir á praia e probar o kayak.

P- Segues pertencendo ao mesmo club?

R- Si. Desde os nove anos no Club de Mar Ría de Aldán e ata hoxe. Son xa vinte anos.

P.- Cando te decataches de que o piragüismo era un deporte de futuro para ti e non só unha diversión?

R- Penso que tomei conciencia aos dezaoito anos, xa sendo senior, cando entrei no equipo nacional. Como dicía, aos nove anos comecei por quedar coas amigas e pasalo ben. Empezou a dárseme ben, a ir a competicións, a gañar e a gustarme cada vez máis. As vitorias fóronme motivando e no 2001 chámanme para o equipo nacional e fun ao meu primeiro mundial senior. Dende ese instante comecei a darlle prioridade ao piragüismo.

P- Lembras a sensación ao gañar o primeiro campionato nacional ou europeo?

R- Non lembro o primeiro que gañei, pero si que foi moi especial cando, aínda sendo xuvenil, quedei segunda no meu primeiro campionato de Europa K1 500. Tamén supuxo unha satisfacción enorme cando en Sevilla, no 2005, gañei o campionato do mundo. Ir a unha competición deste calibre e gañar faite pensar en todos os días de adestramentos e sacrificios e en que por fin acadas unha recompensa a tanto esforzo.

P - Cantos campionatos europeos e mundiais levas gañados?

R- Podo dicirvos que aos dezasete anos fun ao campionato do mundo e quedei cuarta en K1 500. Con dezaoito fun segunda de Europa xuvenil, no 2000. Axiña chegou o campionato nacional xuvenil e gañei. Aos quince días participei no Master nacional absoluto que tamén gañei e conseguín a praza para os Xogos Olímpicos de Sidney. Para min, ese ano, o de 2º de bacharelato, foi moi complicado nos estudos, pero conseguín rematalos e ademais vinme recompensada coa prata en Europa e coa asistencia a Sidney. A partir de aí asistín todolos anos ao europeo e ao mundial, e nos anos que non había mundial asistín aos Xogos Olímpicos.

Gañados? dous campionatos do mundo en K1 200, catro de Europa en K1 200, ademais dun segundo e un terceiro posto nesa distancia.

Sei que eses datos están na wikipedia, pero están errados: unha vez un escritor que ía facer un libro sobre mulleres olímpicas pediume os datos sobre as medallas e creo que contara trinta. Cando me retire farei ben a conta.

P- É moi duro manterse a ese nivel e con tanta competitividade?

R- Evidentemente. Chegar arriba, estar entre as oito mellores do mundo ano tras ano require moito adestramento. Manterse esixe moito esforzo, primeiro para chegar e despois porque ano a ano están tamén as rivais e sempre vai aparecendo xente nova, polo que cada vez son máis obstáculos a superar.

P- Polo que comentaches, a cantas cousas tiveches que renunciar para poder participar e adestrar?

R- Sempre hai que renunciar a algo, pero se é algo que che gusta sempre vai ser prioritario. Para as demais cousas é cuestión de buscar o momento. Para min agora este é o meu traballo, e aínda que me gusta saír con amigos, agora mesmo non podopensar en saír polas noites sabendo que teño adestramentos, que teño que descansar para estar ben ao día seguinte. Para quedar coas amigas teño que buscar o memento axeitado. Penso que esa é a clave, pódese facer de todo pero cada cousa no seu momento.

P- Cales son os teus máximos apoios?

R- Sen dúbida a miña familia e o meu marido, pero tamén o meu adestrador, porque á hora de adestrar sempre está ben ter un reforzo. Tamén as amigas coas que adestro, porque me fan mellorar. En realidade todas as persoas das que estou rodeada conseguen que me sinta ben física e animicamente.

P- Tes algún referente, no teu deporte ou noutros, que che sirva para manter a competitividade?

R- A verdade é que nunca fun de ter ídolos, pero si que admiro a outros deportistas que chegan ao máximo, como Rafa Nadal. Cando conseguen eses resultados sabes o sacrificio e o traballo duro polo que tiveron que pasar, e entón valóralo e admíralo. Pero se me preguntas se hai alguén en quen sempre me vexa reflectida, diríache que non.

P- En cantos xogos Olímpicos participaches?

R- En tres: Sidney 2000, Atenas 2004 e Pekín 2008. Agora veño de conseguir a praza para Londres, pero aínda teño que pasar un control en España para confirmar se vou eu ou non. Se finalmente asisto a Londres, serían os meus cuartos Xogos.

P- Cal deles é o que mellor lembras, a cidade na que mellor te sentiches?

R- Foron diferentes. En Sidney tiña dezaoito anos e foi algo que non imaxinaba a principio de temporada, xa que o meu obxectivo era o campionato de Europa xuvenil, pero gañei o campionato nacional e de repente tiña praza para Sidney. Foi unha alegría enorme asistir, pero non me esixía conseguir un gran posto, pois para min xa era un logro estar. Tal vez por iso gocei moito da experiencia de estar nunha vila olímpica e compartir un soño con outros deportistas.
En Atenas xa vivira a experiencia e fun máis a acadar un obxectivo deportivo. Conseguín dous diplomas olímpicos, dous quintos postos en K4 500 e K2 500.
En Pekín intentei acadar medalla, pero non puido ser, quedei con outro quinto posto.
Sobre as cidades, sidney encantoume, coñecer Australia foi marabilloso. De Atenas case non vin nada, porque as instalacións de piragüismo estaban a cincuenta KM da vila olímpica. Pero de todas as cidades saquei algo positivo.

P- Como se vive nunha vila olímpica? Fas amizades con outros deportistas?

R- As vilas olímpicas son enormes, nelas hai todo o que pode haber nun pobo grande: os edificios nos que vivimos, transporte, centros de ocio, perruquerías, etc. Os españois estamos todos no mesmo recinto e é cos que coincidimos cando estamos na vila. Pero os horarios non che permiten facer amizades, xa que cadaquén está centrado no seu deporte. Coincides nas comidas e pouco máis.

P- Cantas horas diarias adestras?

R- Hai semanas de moito adestramento, pero tamén é importante o descanso para non chegar a un punto de fatiga a partir do cal non podes mellorar. Hai semanas de cinco horas diarias, pero cando se achega a competición descansamos un pouco máis.

P- Canto duran os teus períodos de vacacións?

R- Adestro durante once meses e descanso un. Teño un mes de vacacións cando remata o mundial ou os Xogos, que adoita coincidir co mes de setembro. Cando chega ese momento estou todo o mes sen facer nada, e menos remar.

P- Sabemos que vas pola túa segunda carreira universitaria. Como o compaxinas?

R- Teño que facer números. A miña prioridade é o piragüismo, porque ademais teño unha beca que me permite dedicarme en exclusiva a isto, e os estudos pasan a un segundo plano. Se teño competición e exame, doulle prioridade á competición, pero ao final é cuestión de organizarse. Se un quere, está claro que pode. Se a carreira dura tres anos e a fago en catro, tampouco pasa nada. Hai que buscar o tempo. Evidentemente estase mellor descansando sen facer nada que estudando, pero é obvio que se queres sacar a carreira hai que estudar e sacar o tempo de onde non o hai.

P- Despois de telo gañado case todo, a túa meta futura cal é?

R- O meu obxectivo e o meu soño é acadar unha medalla nos Xogos Olímpicos, pero está moi complicado. Agora mesmo hai moitas rivais e moi fortes. Todo o mundo quere o mesmo e, para un piragüista polo menos, os Xogos son o máximo ao que podemos optar. Todos loitamos polo mesmo e só hai tres medallas, así que está complicado. Pero ben, eu estou adestrando con esa ilusión e con gañas de intentalo

P- En cuestión de éxitos, cres que se valoran máis os masculinos?

R- A verdade é que moitas veces me teñen feito esa pregunta, pero penso que non. Creo que ao final, polo menos no meu caso, cando tiven un éxito ou conseguín unha medalla, tivo bastante repercusión, tendo en conta que este é un deporte minoritario. Por suposto que non é o mesmo que co fútbol ou tenis. Penso que a valoración ten máis que ver coa repercusión social do deporte que co feito de ser ou non muller. No caso do piragüismo nunca sentín que se lle restase importancia aos éxitos por ser muller.

P- Que consellos lles darías aos xoves que se inician neste deporte?

R- Que o pasen ben. Cando un é novo debe empezar por pasalo ben. Máis adiante o tempo dirá se segues para arriba ou non. Se un vai destacando xa se encargan os adestradores de coidalo. A partir dese momento comeza a disciplina, o saber priorizar, curtir a técnica, saber adestrar e descansar. Pero para empezar, trátase simplemente de pasalo ben practicando deporte.

P- Que outras afeccións tés?

R- Gústame ler. Ás competicións sempre levo un par de libros. Faime desconectar, entretenme. Gústame meterme nos libros e entretéñome moito lendo.

P- Que ten a Ría de Aldán para que saian de aquí tantos campións e campioas?

R- Pois non o sei, pero é verdade que poucos poden dicir que un pobo coma este teña sacado tantos talentos: David Cal, Carlos Pérez, os dous medallistas olímpicos. Penso que é un feito anecdótico, pero non creo que no mesmo equipo nacional de piragüismo doutros países teña saído tanta xente do mesmo pobo. Non teño explicación.

P- Esperamos verte no verán xa con medalla. Moitas grazas pola entrevista.

R- Moitas grazas a vós.

Nota: finalmente, no mes de maio Teresa conseguiu a clasificación para os seus cuartos xogos olímpicos.

25/05/12

O mercader de Venecia e Alba de Montnegre

O pasado luns 14 de maio quedamos de facer a última sesión do curso do Club de Lectura e, para algúns, a derradeira. Como sempre, para xantar e falar de literatura.

Optamos esta vez, porque así o quixeron os alumnos, por ler unha obra dos clásicos, e foron eles os que elixiron O mercader de Venecia, de Shakespeare. Vimos tamén algúns momentos da magnífica interpretación que do xudeu Shylock fai Al Pacino na película homónima, para distinguir o teatro lido e as versións interpretadas. E, claro, falamos de racismo e de xenofobia. E repasamos os cambios da historia e comparámolo co presente. E vimos que, tristemente, non variou moito nada. Que as cousas seguen case igual.

Como xuntamos aos rapaces máis noviños, propuxémoslles o mesmo tema, pero nun libro máis asequible, Alba de Montnegre, de Luz Álvarez García,  Premio Lazarillo 2007. E concluímos o mesmo, neste caso engadido coa utilización do racismo para xustificar intereses económicos. Tamén moi habitual.

Pero era un día especial. Diciamos, a derradeira sesión para algúns dos nosos lectores. Porque Marta, Inés,
Sofía, Yago e Paloma, uns rapaces que nos acompañaron desde primeiro de ESO, que estiveron participando de maneira entusiasta en toda canta actividade se lles propuxo , despedíanse despois destes seis anos. Remataban segundo de bacharelato (con moito éxito, por certo. Tres delas con Matrícula de Honra ). E nós queriamos convertelos nos protagonistas do día. Porque foron bos lectores e lectoras. Porque foron dinamizadores do centro. Porque son colaboradores, idealistas, comprometidos, solidarios, interesados, críticos... Porque nestes tempos en que o ensino público sofre todo tipo de afrentas, eles son o exemplo do bo facer. E porque depositamos neles a nosa esperanza, a utopía de que estes, e outros coma eles, consigan a utopía dun mundo mellor, máis xusto e máis solidario. Mil grazas.

Aprendemos moito con eles e botarémolos de menos.