09/06/19


CLUB DE LECTURA: 22 SEGUNDOS


22 segundos de Eva Mejuto foi o libro escollido para pechar o club de lectura deste curso académico. O alumnado de 2º ESO reuniuse o pasado luns 3 de xuño para compartir sensacións e opinións sobre a lectura.
En primeiro lugar decidimos entre todos e todas percorrer os momentos máis salientables desta obra que conta a historia de Álex, un rapaz que ao longo dos 22 capítulos (22 segundos) trata de describir os momentos da súa vida que o fixeron decatarse de que o nome de Ánxela e o xénero que lle fora asignado ao nacer, nada tiñan que ver con el. Algúns destes símbolos son o vestido da comuñón que non quixo levar, cando cortou o pelo, o feito de querer xogar ao fútbol cos rapaces no recreo etc.
Ademais, contamos coa presenza de Alexandre, alumno trans do noso centro, que quixo partillar con nós a súa experiencia e comparala coa do libro de lectura. Esta segunda parte foi moito máis enriquecedora e saíron ideas ben interesantes como os estereotipos de xénero, ou que entendemos por ser trans. O alumnado animouse a formular preguntas, rachar cos estereotipos e, mesmo manifestarse sorprendido ante algúns destes conceptos novos.
Aínda que o tempo foi escaso, pois a conversa estaba moi animada, podemos concluír que foi unha xornada interesante na que esta pequena obra de Eva Mejuto nos axudou a reflexionar sobre unha realidade complexa, que implica dificultades para moitas persoas e familias, mais que o noso alumnado, felizmente, reivindica como algo normal e enriquecedor.
Celtia Rey Brandón.



Ningún comentario: