TOYA REFLEXIONA SOBRE A LECTURA DE RESISTENCIA
R esistencia, de Rosa Aneiros, é unha novela, situada entre os anos 20 e 90 do século XX, que aborda diversos temas complexos e conmovedores: dende o máis relevante a primeira vista, o romance prohibido entre dous mozos, Dinís e Filipa e outros romances secundarios tamén entrelazados co principal, durante as ditaduras de Salazar e Marcelo Caetano en Portugal, ata temas introducidos mediante métodos máis sutís, como o movemento e resistencia antifascista, a emigración ou a reivindicación dos dereitos laborais e humanos, ata ese momento vulnerados. A trama do libro proporciónanos unha perspectiva única sobre unha vida vivida so unha constante opresión.
O tratamento do romance principal consegue visualizar nas nosas mentes como acontece ese amor, e como xorde a resistencia a convertelo en eterno, nun contexto político represor que, irremediablemente, afecta ao seu decorrer. Inclusive, nun determinado momento da novela, un dáse conta de como o amor é cego, escrito polo impulso da vida e pola negación do esquecemento. Aínda así, ese amor segue dando lugar (ou, polo menos, a min como lectora) a sentimentos emocionais e conmovedores imposibles de reprimir. Ademais, o feito de que o romance sexa mal visto e cheo de dificultades por factores externos, engade unha capa de tensión e drama á historia narrada.
Na obra tamén se tratan temas sociais que captaron a miña atención durante a lectura, como son a difícil situación laboral de Dinís na fábrica de vidro que remata en revoltas, duramente reprimidas, ou como unha persoa ten que fuxir do seu propio país ante a mínima sospeita ou rumor de que non comparte a mesma ideoloxía ditatorial có Estado.
Outro aspecto que me gustaría destacar é a escolla do título: Resistencia. O libro móstranos polisémicas formas de resistencia: resistencia ante as dificultades dos abstractos amores dos personaxes, resistencia como xeito de protexer os fillos e fillas, resistencia ante a ditadura, resistencia ante a escravización laboral, resistencia na loita por reivindicar os dereitos e a liberdade de noso. Debo admitir que este é un dos poucos libros que lin cun título que consegue abrazar perfectamente a mensaxe que quere transmitir o relato ao que acompaña.
Polo tanto, é unha novela que convida a reflexionar e que realiza unha importante crítica social a un momento histórico concreto no noso país veciño. Unha historia que fai retroceder a humanidade a tempos pasados e ver outras realidades, conceptos e filosofías de vida, ou outros valores morais e éticos.
E todo isto remata nun final aberto, que te deixará nunha penosa intriga e cavilando en centos de teorías e novas reflexións na soidade do teu cuarto. Curiosamente, comecei a indagar sobre o que realmente é o amor, pero non calquera amor, senón ese amor real, sincero, profundo, maduro e insubornable. Mais esa reflexión quedará para outra ocasión, aínda que acabei escribindo unha morea de páxinas sobre o tema. Así que, si, recomendo, sen ningunha dúbida, este libro. Dálle unha oportunidade.
Toya (4ºESO)
Ningún comentario:
Publicar un comentario