Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con autores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con autores. Amosar todas as publicacións

23/12/10

O Principiño

O pasado luns tivemos a última sesión do ano 2010. Foi unha sesión conxunta dos clubs de 2º ESO e dos maiores. Aínda que as gripes e o efecto exames do último día fixeron estragos, acudimos 21 a unha sesión con comida navideña presidida por un debuxo do principiño feito pola nosa artista particular. O principiño foi unha obra que gustou a todo o mundo, pero sobre todo aos que a releron, pois descubriron novos puntos de vista. Agradou sobre todo o humanismo que se respira nesta obra chea de símbolos. Fomos revisando un a un todos os personaxes cos que se atopa o principiño e, curiosamente, todos concordaron en que o máis humano é o raposo, que é quen necesita dos demais, que pide crear vínculos e ter alguén por quen esperar. Pareceunos a nós que así é o vinculo que establecemos no noso club.
Desexámosvos a todos unhas boas festas de Nadal, e lembrade: o seguinte libro será "Afirma Pereira, de Antonio Tabucchi. Seguimos así o noso percorrido pola literatura europea, lembrando que tamén en xaneiro nos visitará Carlos Negro coa súa "Makinaria".


20/04/09

Fin de século en Palestina

Hoxe celebramos unha sesión do club de lectura moi especial, pois foi un encontro co escritor Miguel Anxo Murado. Dende o club de lectura tiñamos preparada a obra Fin de século en Palestina e xuntámonos cos de 2º Bach. que leran Ruído. Relatos de guerra. Tivemos ocasión de comentar algúns aspectos que nos chamaran a atención: a normalidade á que se acostuma un no medio dun conflito, a superación (máis ben disimulo) do medo, as motivacións que moven aos distintos sectores nesa parte do mundo... Pero sobre todo disfrutamos cunha obra cuxos relatos non nos deixan indiferentes, moven as conciencias e todo isto cun pequeno toque humorístico que o autor mantivo cando comentamos certas pasaxes do libro, sobre todo os das primeiras crónicas, nas que conta as súas peripecias como traballador da ONU para o goberno palestino. Espero as vosa crónicas, polo que non me estendo máis, pero aquí vos deixo as fotos do encontro