12/05/16

O pazo baleiro


O pasado luns, 9 de maio, tivemos na biblioteca a derradeira reunión do curso co clube de lectura de 1º de ESO.

O libro que nos reuniu esta vez foi O pazo baleiro de Xabier P. Docampo, unha  novela de misterio apaixoante, cun vello pazo cheo de segredos agochados, propiedade dunha familia cunha peculiar árbore xenealóxica. E tamén haberá de por medio un  diamante de incribles dimensións que  os enfrontara  a todos dende hai moito tempo.

Será un grupo de adolescentes, axudados por Delio, tío do protagonista , quen desfaga toda esta maraña descubrindo a historia da familia e o misterio que encerra este pazo baleiro. Unha novela chea de intriga e temas para comentar.

Como sempre, a reunión cos nosos “lectores” estivo acompañada con algunha que outra larpeirada.

Ata o curso que ven!

11/05/16

Memorias dun neno labrego

O pasado 20 de abril latamos clase o grupiño do club de lectura para achegarnos ao museo etnográfico da fundación Liste, na rúa da Pastora. Alí fixemos a sesión correspondente ao libro de Xosé Neira Vilas, que é de certo un dos clásicos da nosa literatura.


 Primeiro realizamos unha visita adaptada ás historias do Balbino, que

preparou cunha dedicación que é de agradecer o persoal deste museo. Repasamos os oficios, os apeiros e obxectos da vida cotián e ritual empregados até fai ben pouco nas aldeas galegas. 



 Despois saímos ao ar libre para comentar como fora a lectura dun relato á vez tan próximo e distante para o alumnado dun instituto urbán como o noso.


Recordamos algunha pasaxe do libro, como a da morte 
de Pachín, o querido can de Balbino, unha de tantas experiencias relacionadas coa perda -da nenez, da vida, da inocencia, das raíces- que narra Neira Vilas. Tamén houbo quen se lembrou da orixe familiar, que á fin se rascamos un pouco, todas e todos temos algo de terra pola parte do pasado. 

 Ao rematar, tras un percance que debeu ser cousa dalgún tardo ou trasno dos que andan polo lugar e que temos a ben gardar no peto, volvimos para o centro a fume de carozo, que o barrio ás veces, cando se anda con apuro, parece facerse máis grande do que semella!

02/03/16

La soledad de los números primos

O luns 29 de febreiro de 2016 ás 14:30 horas, no espazo entre as clases da mañán e da tarde, fixemos unha sesión do club de lectura, nos espazos da biblioteca do noso instituto,  para falar sobre o libro proposto La soledad de los números primos. Despois de dar conta dun merecido e saboroso xantar, puxémonos a falar sobre o libro. Á maioría dos asistentes gustoulles, aínda que houbo alguén a quen lle pareceu unha historia un pouco dura, e non foi capaz de rematalo.

Falamos sobre os protagonistas Mattia e Alice, sobre as súas experiencias e problemas, chegando incluso a comparar a gravidade de ambas, do posible papel que as súas nais e pais xogaron  nas mesmas, analizamos o por que do titulo, saíndo distintas opinións 
sobre o sentido ou non do mesmo, e a súa relación coas matemáticas, analizamos o papel doutros personaxes (con máis ou menos profundidade). Demos tamén a nosa opinión sobre se nos gustou ou non o final do libro, habendo tamén discrepancias.

18/02/16

La vuelta al mundo de un forro polar rojo



O alumnado do Club de Lectura tamén participou dentro de Proxecto Interdisciplinar levado a cabo polo profesorado das distintas materias en 3º da ESO. Un grupo deles encargouse de debuxar o mapamundi que serviría para colocar as etiquetas da roupa segundo o lugar da súa  manufactura. Asemade, os alumnos do club encargáronse de recordar aos seus compañeiros de traer as etiquetas das súas casas para seren colocadas no mapa.
Na sesión de lectura, repasamos os diferentes capítulos recordando a viaxe do forro polar vermello, incidindo na problemática económica ou social que se reflexaba en cada un deles. Para o alumnado máis pequeño resultou unha lectura algo densa e confesaron que o leron moi por enriba; non así os maiores, que demostraron moita madurez á hora de falar de pros e contras do noso mundo globalizado e mostráronse especialmente sensibilizados con problemas como a contaminación, a necesidade de enerxías alternativas ao petróleo e a situación laboral dos que confeccionan as nosas roupas baratas (e non tan baratas).

17/02/16

Mío, mi pequeño Mío

O luns 1 de febreiro, a 4ª hora, na "Hora de Ler", fixemos a sesión do club de lectura de 1ºESO na que conversamos sobre o libro Mío, mi pequeño Mío de Astrid Lindgren.
A sesión foi moi entretida e moi dinámica pois tratamos de atopar no libro ecos e imaxes de contos tradiconais -Brancaneves, O frautista de Hamelin ou Aladino. Recoñecimos tamén similitudes con Harry Potter. Falamos de que a novela é un canto a natureza, que apreciaron nas metáforas da fonte contadora de contos á tardiña,  nas árbores que nos dan todo , no manto tecido de soños; e finalmente recoñecimos nas caras dos persoñaxes do mundo imaxinario creado por Mío, as de persoas que foran para el importantes na vida real.


13/01/16

Si tú quieres

O luns 14 de decembro tivemos unha segunda sesión do club de lectura. Participaron uns trinta alumnos e alumnas, cos que comentamos a novela Si tú quieres, de Sonia Mirón. Tivemos a grande sorte de contar coa presencia da autora que respondeu a todas as preguntas e comentarios do alumnado e nos explicou como construíra a trama e os personaxes.

A novela  gustou moito, especialmente porque se desenvolve nun instituto. Foi toda unha sorpresa descubrir que a autora estudara no noso centro o que espertou aínda máis a simpatía coa obra e deu pé a procuar na novela referencias ao instituto.

Por outra banda, debemos reseñar a magnífica impresión que levou Sonia Mirón polo entusiasmo amosado por tantas alumnas e alumnos que relataron como imaxinaran eles aos personaxes, ós escenarios e que persuadiron á autora de escribir a segunda parte da novela.

02/12/15

Matilda


O pasado luns 30 de novembro reunímonos na biblioteca cun grupo bastante numeroso de alumnos de 1º da ESO para falar da novela de Roal Dahl:  MATILDA.


Esta obra conta a vida da protagonista, Matilda, que dende moi pequeña decátase de que non ten nada en común con ningún membro da súa familia. Os seus pais non lle dedican ningunha atención e ela pasa as horas do día lendo libros. Un día descubre que ten poderes e decide utilizalos para axudar á única persoa que lle demostrou afecto: a súa profesora.




En xeral foi unha novela que todos os rapaces atoparon divertida malia que algúns deles destacaron que o final foi un pouco triste. Todos os nenos participaron achegando os seus diferentes puntos de vista e comentando as partes da obra que máis lle gustaran. Como se daba a casualidade de que moitos deles tamén viran a película baseada nesta obra, aproveitamos para comentar as similitudes e diferencias entre o libro e a película. 

20/11/15

Palabras de caramelo

 O luns, 10 de outubro, reunímonos por primeira vez cos novos membros do club de lectura de 1º de ESO. O libro escollido é un libro sinxelo que non chega ás cen páxinas, pero con moita historia que contar.
Palabras de caramelo, de Gonzalo Moure, fala dun neno saharaui xordomudo que, a través da conversa co seu camelo, chega a facer uns marabillosos poemas. Pero tamén fala da amizade, da morte e, desde logo, da situación dos refuxiados saharauis na  hamada, onde se ven obrigados a vivir. De todo iso e moito mais conversamos cos novos lectores e lectoras do club deste ano, aos que lles encantou o libro.
Un dos episodios conta como a mestra da escola do campo de refuxiados apréndella a ler e escribir ao protagonista, que así empeza a comunicar con palabras todo o que sente e todo o que fala con Caramelo. Como este tema deunos moito para reflexionar, puxemos uns fragmentos da película El milagro de Ana Sullivan, baseado nunha historia real,  que conta como no século XIX, a mestra Sulivan conseguiu aprender a falar, ler e escribir a unha  nena cega e xorda, e o cambio que supuxo para ela o dominio da linguaxe.
Como sempre, a hora non deu de si todo o que quixéramos. Iso si: todos demos boa conta do pastel e biscoito que trouxemos para acompañar a sesión.

18/11/15

En la vida real

O departamento de Tecnoloxía do IES colaborou coa Biblioteca propoñendo ao clube de lectura o cómic EN LA VIDA REAL (Roca editorial).

A recepción da obra foi moi positiva, tendo que destacar de entrada que é a primeira vez que se escolle un cómic para o clube de lectura. Este foi o primeiro tema debatido na reunión do clube: que os cómics (e tamén cada vez máis os videoxogos) poden e deben considerarse "literatura" pois serven para o mesmo que os libros (crear mundos de ficción que lle dan sentido ao noso), usando outros medios artísticos (narración visual no caso do cómic). E como tal é unha mágoa que moitas escolas e bibliotecas non os estean a utilizar como recomendacións de lectura.

O resto da reunión foi unha análise breve dalgúns temas tratados na obra: adolescencia, videoxogos, realidade virtual versus realidade física, diferencias culturais e sociais...

Ao profesor chamoulle a atención que moitos dos compoñentes do clube, xogadores habituais, descoñecesen que é completamente real un dos temas centrais da obra: a subcontratación de videoxogadores "pobres" por parte de xogadores "ricos" para aumentar o seu nivel nun xogo. Podedes ler ao respecto neste artigo.

Por último solicitouse aos compoñentes do clube que recomendaran algúns videoxogos pola súas características narrativas innovadoras, ou algún cómic relacionado cos videoxogos. Estes foron algúns deles:
      • LIMBO
      • LIFE IS STRANGE
      • BEYOND TWO SOULS
      • RADIANT HISTORIA
      • LOG HORIZON
      • MONUMENT VALLEY
      • DARK ORBIT
      • SUICIDE ROOM (película)

21/10/15

Club manga

O martes 6 de outubro tivemos a 1ª reunión do noso club de manga OTAKU ANIKI a que asistiu tod@ o alumnado interesado nesta arte e que quere participar nas actividades ao longo do novo curso. Coma no curso pasado a asistencia foi moi numerosa  con alumn@s que repiten e novas incorporacións.  

Esta xuntanza estivo dirixida pola coordinadora do club que explicou as distintas actividades que imos a desenrolar:
  • Sesións na hora de leer (3ª e 6ª) onde veremos un ANIME no salón de actos a proposta d@n
    membr@o do club cunha pequena explicación pola súa parte sobre o tema e o tipo de anime que nos quere presentar. Logo haberá un pequeno debate sobre o que vimos. A primeira en presentarnos un anime é  antía Fernández de 1º ESO C
  • Intertar de novo traer a debuxantes para dar unha clase práctica sobre as técnicas para debuxar manga. Esta actividade está pendente de financiación e se desenrolaría un luns ao mediodía.
  • Traballar con MANGAS EN BRANCO, viñetas sen texto e texto sen debuxo. Facer unha expo desta actividade.
  • Crear un espazo web no blog da biblio para novas e actividades.
  • Participar xunto cos clubes de manga do IES ALVARO CUNQUEIRO e do IES Paralaia de Moaña en unhas xornadas arredor deste arte, con actividades que aínda temos que consensuar para compartir as nosas iniciativas e inquedanzas.
Rematamos a reunión ata a vindeira 3ª hora de leer onde compartiremos a nosa pasión!!!