22/05/15

Mío, mi pequeño Mío

O luns 18 de maio fixemos a reunión do club de lectura de 1ºESO. Asistiron uns vinte alumnos aproximadamente. O inicio da novela pareceulle aburrido a algún, pero en xeral gustoulle a todos. O mais sorprendente para min foi que, sendo alumnos de 1ºEso foron capaces de recoñecer e mencionar as referencias literarias que hay na novela , por exemplo: a mazá de Brancaneves e como aquí adquire un papel
positivo; o xenio da botella (como  a lámpada de Aladino); referencias  que aparecen en Harry Potter (a capa que o fai invisible e que está tecida de soños que xa viña do Cantar dos Nibelungos), o amor a natureza ,o respeto polos recursos básicos que compartimos todos: o pan e a auga,. Finalmente o papel da frauta  (recordaron o frautista de Hammelin) que da pracer os sentidos e ainda mais, axuda o protagonista a atopar o amigo cando se perde.

21/05/15

O corazón de Xúpiter

O pasado luns 18 fixemos sesión do club de lectura do libro  de Ledicia Costas O corazón de Xúpiter.
Comezamos falando da impresión xeral do libro: gustou moito, aínda que houbo quen se queixou do final...eles prefiren que as historias rematen ben.
Pasamos a reflexionar sobre os temas, porque o libro ademáis do acoso
cibernético trata da amizade, do amor, das relacións coa familia ou da dificultade para atopar un oco nun novo lugar, nun novo instituto. Compartimos experiencias e algúns contaron que sufriran un traslado, como Isla, e non é doado na adolescencia cambiar de entorno.
Despois repasamos os proagonistas, a elección do seu nome non parece gratuíta: a illada Isla, a forte Mar, a xenerosidade de Anxo ou o gaseoso Xúpiter, carente de interior definido (ese "corazón de Xúpiter" do título). Tamén pensamos na simboloxía das medusas, bágoas do mar.
Vimos o video de Amanda Todd, e comentamos que, o que nos conta, está máis presente nas súas vidas do que parece;  sen chegar ao suicidio, varios sabían de casos semellantes.
Para finalizar, aínda quedou tempo para buscar a xúpiter e a estela polar no mapa do ceo.

08/05/15

Club manga

O pasado luns 27 de abril reunímonos o club de manga OTAKU ANIKI ás 14.15 horas na biblioteca para levar a cabo o 1º obradoiro de debuxo de Manga. Contamos coa presencia de Norberto Fernández Serrano, debuxante de comics e manga con unha dilatada traxectoria en numerosas publicacións de España (Ed. Xerais. Golfiño…) e USA (Marvel comics, Image…).

Os  asistentes, todos de 1º da ESO pois tivemos que dividir o grupo para que a actividade fora o máis aproveitable posible, estiveron moi atentos ás explicacións de Norberto que dun xeito práctico, foi debuxando diversos personaxes e actitudes para iniciarse no debuxo dos mangas.

Pouco a pouco na pizarra debuxados por Norberto foron aparecendo personaxes femininos e masculinos acompañados de armas e accesorios cheos de fantasía, pois o manga é un xénero aberto á imaxinación e á creatividade. Os rapaces e rapazas, á vez que seguían as explicacións, debuxaban as súas propias creacións. Rematamos os últimos minutos co traballo individual onde cada un foi perfeccionando os esbozos que crearan ao longo do obradoiro.


Cando tocou o timbre para iniciar as clases da tarde, Norberto agradeceu o interés e bo comportamento dos asistentes e eles agradeceron o seu traballo cun forte aplauso e unha longa “cola” para que Norberto firmase o seu primeiro debuxo manga neste club.






29/04/15


ARTHUR CONAN DOYLE E AGATHA CHRISTIE

O pasado luns, 7 de abril, reunímonos de novo os participantes do club de lectura para 1º de ESO  para falar das obras dos grandes maestros e precursores  da novela policiaca que lemos esta vez: os autores foron Arthur Conan Doyle, do que se leron diferentes novelas e relatos de  Sherlock Holmes; e Agatha Christie, da que tamén leron algunhas novelas.


En primeiro lugar, cada un de nos falou da novela ou relatos que lera, resumíndoos e falando do que máis lle gustara. Despois falamos tamén do misterio, de cómo estes grandes detectives resólveno interpretando diferentes indicios dun modo tan perspicaz e con tan poucos medios como contaban na época, por exemplo, de Holmes, tan diferente do que aparece nas series e novelas policiacas actuais. E, por suposto, tamén falamos dos asasinatos e os criminais que pululan por estas obras, así como por outras actuais do xénero, lidas polos alumnos e alumnas.


E, como non, tampouco esta vez faltou o biscoito para endulzar a conversa e completar o almorzo. Como sempre, unha agradable reunión de lector@s. Mágoa que esquecéramos sacar algunha foto.

24/04/15

Mío, mi pequeño mío.

Ao comenzo da xuntanza á maioría dos participante pareceulles un libro para nenos pequenos, pero a medida que foron aportando impresións e fomos analizando o libro empezou a cambiar a percepción da novela.
Algúns viron paralelismos con Harry Potter, pois o neno vive cunha familia de acollida e non se sinte querido, quizais J.K.  Rowling se inspirou en Astrid Lindgen. Outros descubriron na novela símbolos de os contos tradicionais: a mazá, o xenio nunha botella de cervexa, a viaxe, a capa invisible, recordo da capa de Sigfrido -a autora é sueca...similitudes co frautista de Hamelin, pero en positivo, pois a frauta salvounos.

Por riba de todo gustoulles as expresións tan sinxelas e bonitas como "o pan sacia a fame, a auga que calma a sede..."
Por outra parte, este libro desprende amor pola natureza que nos coida: a árbore, case seca, que protexe aos nenos, o sacrificio dos paxaros para axudalos.



25/02/15

Francisco Castro cos clubs de lectura

O luns 9 de febreiro, mozos e mozas dos clubs de lectura recibiron a visita do escritor Francisco Castro. Foi una sesión conxunta de posta en común co autor, xa que tiñan lidas tres obras del: Chamádeme Simbad, O neno can, e O Corazón da Branca de Neve.

 Falou Francisco da importancia da lectura como motor de cambio, de que se fixo escritor para cambiar o mundo e do afortunado que se sinte de facer o que máis lle gusta na vida. Nas súas obras sempre hai reflectido algún aspecto social de relevancia e sobre o que necesitamos reflexionar.

 Dinos que escribiu Chamádeme Simbad para contarlle ao seu fillo que a avoa empezaba a ter alzheimer, pero sen dramatismos e dun xeito divertido para que calquera poida comprendelo. E a súa charla transcorría tamén nese ambiente distendido e divertido mentres tocaba temas de fondo calado. Comentounos tamén a experiencia de escribir O neno can a dúas mans con Fina Casalderrey, e o esixente que foi a experiencia e do que supuxo para eles tratar de mostrar a situación precaria da infancia en lugares aos que non lles prestamos atención.

En O Corazón da Branca de Neve fálanos do drama que supón o roubo dun fillo, pero tamén se deixan ver outras perdas que quedan máis ocultas por culpa dos clixés sociais, como é o caso da anorexia. Francisco recórdalles sobre todo ás nenas que non se deixen presionar pola cultura do corpo perfecto.

 Na quenda de preguntas, tivo a ben explicar o, segundo o alumnado, precipitado final de O Corazón da Branca de Neve. Explicounos que, sendo una novela por entregas, a súa construción tiña que cumprir uns requisitos: 31 capítulos que non podían pasar dos 3550 carácteres para seren publicados a razón de un capítulo por día. A parte da importante labor de lima, non se podía deixar perder o interese ata o final. Tamén houbo preguntas sobre o título da obra, e a resposta saíu do propio auditorio.

Os rapaces e rapazas que asistiron consideran que é moi simpático e interesante, e que lles fixo pensar ao tempo que lles fixo rir. Ao final, una restra de libros para firmar, algúns xa incluso coa última obra do autor, Tes ata as dez, da que seguramente terá que vir a falarnos no próximo curso.
 E non faltaron as fotos con el, que o propio autor subiu ao seu facebook.


04/02/15

Eidolon e Dragal

O luns 12 de xaneiro falamos de Eidolon e Dragal.

Animais que falan, dragóns, trolls, elfos, unicornios, ninfas... son todos personaxes dun mundo fantástico onde os nosos lectores do Club de lectura de 1ºESO se desenvolven con total seguridade.

As aventuras de Ben e Hadrián gustaron moito e algúns animáronse a levar as segundas partes.


29/01/15

O xogo de Ender

En Febreiro reuniúse o clube de lectura para debater sobre O XOGO DE ENDER, clásico libro de CF recomendado polo departamento de Tecnoloxía, dispoñible en galego e castelán na biblioteca.

 Un dos temas que máis puido sorprender aos do clube foi saber que este libro é un long seller: leva vendidos moitos millóns de exemplares dende fai 30 anos e os seus fans son moi activos na súa recomendación e difusión. Que moitos lectores e lectoras de outras exitosas obras de CF actuais (LOS JUEGOS DEL HAMBRE, DIVERGENTE...) non o coñezan pode achacarse a que non son conscientes de estar a ler o xénero de CF (eles falan de distopía, subxénero tradicional na CF; e nas librerías esas novelas non se venden coa etiqueta de CF) e tamén a que o profesorado e as bibliotecas non fan moita difusión dun xénero que pretende servir de punto de encontro entre as 2 culturas.

Respecto da temática do libro podemos apuntar algúns dos principais:

  • a (mala) comunicación coma orixe dos problemas bélicos e políticos.
  • a importancia das redes de comunicación (nunha novela escrita moito antes da Internet actual!).
  • o uso dos xogos e dos videoxogos na formación intelectual, en especial para desenvolver o pensamento lateral, a resolución de problemas, as estratexias e xestión de recursos...
  • a confrontación da ética individual coas normas sociais (debemos acatar sempre as ordes dos gobernantes?).
  • a tecnoloxía da comunicación e colonización espacial (cando non podemos viaxar a velocidades superlumínicas).
  • e outros máis nunha das novelas que máis xente relé...
 Neste caso non é unha frase feita dicir que quen pasa das primeiras páxinas queda atrapado por unha trama absorbente, pero unha lectura que continúa cando rematas a novela polo interese dos temas prantexados. E é bo avisar que a película que se fixo fai pouco é bastante frouxa, non captura o interese do libro.

Tamén é interesante apuntar que a súa continuación, LA VOZ DE LOS MUERTOS (sen edición galega polo momento; tedes a edición en castelán na biblio) é igual de recomendable, pois non é unha copia ampliada da 1ª parte, ten entidade propia, con unha trama máis centrada na xenética.


Decir tamén que neste debate, para darlle un toque tecnolóxico, fixemos unha proba de utilizar o twitter simultaneamente. Aquí tedes o resultado (usamos o hashtag #biblioboveda).


13/11/14

O corazón da Branca de Neve

O luns 10, reunímonos 20 dos 25 membros do club de lectura ao redor da novela de Francisco Castro O corazón da Branca de Neve.  Despois de dar boa conta dos bocatas e do contido dos tupper, falamos dos aspectos desta obra que máis nos chamaron a atención. O mellor, o feito de que invita a ler dun tirón, nunha sucesión de capítulos trepidante e que nos deixan con gañas de avanzar. Unha novela policial á que o alumnado non está acostumado e que toca moitos temas preocupantes da actualidade: a corrupción, a violencia contra os máis desfavorecidos, as mafias que trafican con inmigrantes, o roubo de nenos...

Chamou a atención o feito de que, ao ser unha novela por entregas, os capítulos teñen forza propia, funcionan como elementos independentes e en cada un deles a acción avanza inexorable. Tamén nos deu para revisar algunhas características do xénero: as características do investigador, os aspectos escuros da súa vida, a agudeza na observación dos detalles, a integridade, etc. Gustou moito o feito de que estea ambientada en Vigo e que os problemas que trata sexan actuais e reais, ou polo menos son temas dos que a maioría do alumnado, de xeito directo ou indirecto, ten unha opinión formada.

Falouse moito da inmigración e das diferenzas entre o primeiro e o terceiro mundo. A todos e todas gustou a obra, aínda que case todos coincidiron en que, para o seu gusto, ao final todo se resolve moi rápido e lles houbese gustado máis paladear a resolución dos feitos  cun pouco máis de pausa. Pero iso será algo que terán ocasión de comentar co propio autor, Francisco Castro, xa que en Xanerio se reunirá con eles para comentar a obra.
E rematamos paladeando unhas saborosas tartas que Celia nos deixou para a ocasión.

11/11/14

O neno can e Chamádeme Simbad

O pasado 27 de outubro, inauguramos as reunión do club de lectura dos novos alumnos de 1º da ESO. Como son 30, dividíronse en dous grupos: O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro e Chamádeme Simbad, tamén de Francisco Castro. 

O neno can resultou un libro fácil e agradable para ler, aínda que as súas historias son as de nenos nada favorecidos polas súas circunstancias: nenos sen familia, explotados pedindo esmola, vivindo nas rúas, obrigados a traballar. Ás nenas chamoulles moito a atención a historia de Laila, una nena obrigada a casar aos 11 anos, porque así o marca a tradición. O personaxe co que se sentiron máis identificados foi con Carlos, quizais porque é máis próximo. Algún destacou a valentía de Carme, que insiste en invitar a Carlos á súa festa de aniversario. Falamos, en fin, das diferentes realidades da infancia no mundo, de tomar conciencia das inxustizas que nos rodean, e do afortunados que se senten eles sendo coidados e mimados polas súas familias.

Chamádeme Simbad foi un libro que gustou a todos. Aparte de que nos divertimos coas aventuras e a intriga da novela, tamén sacamos da súa lectura moitos temas interesantes. Falamos da enfermedade do alzheimer ou da situación dos maiores cando comezan a necesitar dos demáis, e de cómo se lles pode axudar a levar unha vida máis agradable. Tamén comentamos a relación do protagonista co seu avó, mellor que a que tiña con ningún outro membro da familia, e de cómo ás veces os xogos e a fantasía poden ser un modo moi interesante e divertido de comunicarse cos demáis.  O personaxe da nai tamén nos deu para falar dos coidadores, da responsabilidade que asumen e do tempo libre que precisan, e a todos nos pareceu ben como ao final se respeta tamén ese dereito da nai a ter o seu tempo libre. Falamos do enigmático tío Bernardino, e de toda a aventura vivida por Simbad trala pista do seu avó. E, como non, tamén rímonos un pouco co pai do protagonista, tan estresado polo traballo e obsesionado co móbil que non é capaz de prestar atención á xente que o rodea.


Esta sesión foi acompañada por unhas saborosas tartas de chocolate, agasallo dunha mamá: graciñas Manola!.