05/06/17

En Ourense co Club de Lectura

O venres día 2 de xuño 31 alumnos do club de lectura e as dúas profesoras responsables do club, Marisol Mariño e Ana López, fixemos un percorrido por Ourense rememorando aqueles lugares que forman parte da nenez e xuventude do escritor Carlos Casares, homenaxeado, este ano, no día das Letras Galegas.

Empezamos o percorrido no parque de San Lázaro, onde dúas alumnas leron fragmentos da obra " Cambio en tres"  (1969) que se sitúan neste parque e na Rúa do Paseo.                                                                                         .
O parque de San Lázaro está presente tanto nos seus xogos de neno como na súa primeira etapa de xornalista no xornal La Región de Ourense. Alí, no Café  Parque, lugar de tertulias literarias,  Casares escoitou, entre outros, a  Risco, o cal se recolle no fragmento que tamén limos de "Un país de palabras"


Continuamos pola rúa do Paseo, onde xogaba o autor cos seus amigos,  pero tamen era a rúa onde estaba orixinariamente o edifcio do xornal "La Región", diante do cal pasamos.

Antes de seguir cara a Alameda, fixemos unha parada na Deputación de Ourense , depositaria dun impresionante cadro do pintor galego Vidal Souto, cedido á cidade pola  súa familia. O cadro encantounos a todos.

Na Alameda, tamén presente na obra de Casares, outros dous alumnos leron fragmentos de  "Vento ferido" (1967).


Seguimos o noso percorrido cara a Catedral pasando pola igrexa de San Francisco. Diante dunha porta da Catedral, dúas  alumnas leron  fragmentos de "Ilustrísima", unha das novelas máis ourensás do autor.

Finalmente, chegamos ao Concello, na Praza Maior, onde un alumno leu, para finalizar o noso roteiro, o poema "Amemos" .

Rematamos o noso día no río ,nas pozas termais de Outariz.




18/05/17

Con Manuel Sánchez Gálvez


"Como un escritor granadino coñece tan ben a historia de Vigo para ambientar a súa novela na nosa cidade?" "Algunha vez pensará escribir unha segunda parte para sabermos qué foi do pai de Xiana, si os avós viviron xuntos por fin na aldea, si Amanda e a sua filla atoparon o tempo perdido para estaren xuntas?" "Haberá unha película baseada en Maelström, Maelström?" Funcionaría a mesma historia cun protagonista masculino?" "Que hai de autobiográfico ou real na historia?"

A estas e moitas outras preguntas contestou o autor de Maelstöm, Maelstöm,  Manuel Sánchez Gálvez ( "chamádeme Manolo", díxonos) o pasado día 15 de maio no Clube de Lectura. Foi unha conversa moi interesante presentada pola profesora de Lingua Castelá e Literatura Marisol Mariño, quen nos explicou como foi testigo privilexiada do proceso de creación da novela. Os alumnos falaron con moita familiaridade e escoitaron atentos ás reflexións do autor no seu asombro ao ver cómo a súa novela pode tambén ser disfrutada por lectores tan novos.

Foi unha ocasión para coñecer en carne e óso ao creador dunha novela da que non só disfrutamos senón que nos axudou a comprender moito da historia da nosa cidade.


Grazas Manuel Sánchez, Manolo, por adicarnos o teu tempo e facernos apreciar todo o que houbo detrás desta estupenda novela: o traballo de investigación e o cariño a unha cidade que como ti dixeches: "góstame porque é distinta sempre, está viva".

10/05/17

Maelström, Maelström

O pasado luns 8 de maio tivemos a sorte de analizar no clube de lectura a orixinal novela de Manuel Sánchez Gálvez Maelström Maelström: Ambientada en Vigo, a novela narra as historias paralelas dun capitán Nemo (o persoaxe de Julio Verne) afincado na nosa cidade a finais do século XIX e Amanda, unha nai separada e ambiciosa executiva no ano 2005. Como fío conductor da trama, un diario do capitán Nemo no seu cautiverio de inmortalidade en Vigo, que aparece no ático recién mercado por Amanda.  


Malia a aparente disparidade entre estes dous protagonistas, a novela trata o tópico literario da búsqueda de liberdade do ser humano frente a unha vida que o atrapa e da que aparentemente non é doado sair. Un libro que invita a reflexionar sobre as decisións que debemos tomar na vida, escrito en galego cun estilo cercano e salpicado de referencias á historia da nosa cidade. 
Tiñamos dúas horas por diante e comenzamos de seguida, entre restos de bocatas apurados e nervios de curiosidade. Pola miña parte, porque me inquedaba saber qué enfoque lle darían os alumnos a unha novela que non fora concebida para un público xuvenil; polo tocante aos alumnos, porque son unha profesora nova de inglés e se cadra non me coñecían. Decidín utilizar como soporte visual unha presentación con fotografías da cidade daquela época, para comprendermos mellor as referencias do libro a lugares de Vigo e a persoaxes cos que convive o capitán Nemo. Incluín tambén referencias biográficas daqueles homes e mulleres que contribuiron á historia da cidade (García Olloqui, Jenaro de la Fuente, Concepción Arenal) e fotos dos edificios emblemáticos nos que se desenvolve a trama. Ademáis, puidemos ver as estatuas de Julio Verne no paseo do Náutico e na illa de San Simón, e mesmo o submarino do Museo do Mar de Sanjurjo Badía, personaxe que tamén aparece na novela. Mesmo vimos e o cuadro Marinero en botella de Lugrís, que lle servira de inspiración ó autor para escribir a novela. 



Con todos estes elementos abordamos a historia do capitán Nemo en Vigo e aprendemos sobre o nacemento das primeiras rúas do Ensanche, o Cable Inglés ou o tráfico de trasatlánticos da época. 
Despois de comer a torta de chocolate que tiñamos para postre, e da que como ocorre con todas as tortas de chocolate non quedaron nen as migallas, "desmigallamos" tamén a historia do persoaxe de Amanda. A protagonista suscitou un debate interesantísimo e intenso sobre a difícil conciliación da vida familiar e laboral, o papel dos avós na crianza dos fillos no día de hoxe, e a inocente visión da vida dunha nena que ten a chave da felicidade da súa nai ó final da novela. Como conclusión,  todos estivemos dacordo en que os nosos Maelstroms, eses medos e dificultades que nos atrapan, poden vencerse. 
Cando nos decatamos estavamos a só cinco minutos para que comezasen as clases da tarde e todos quedamos coas ganas de seguir afondando máis nestas dúas historias tan afastadas no tempo pero á vez tan iguais. Fixemos a foto de despedida e gardamos na memoria moitas preguntas que tambén queremos facerlle a Manuel Sánchez cando veña presentar o seu libro. 

08/05/17

Palabras de auga

O pasado 8 de maio reunímonos de novo os lectores e lectoras do club de lectura de 1º de ESO para falar sobre o libro de Marcos Calveiro Palabras de auga. 

A novela, ambientada en África,  relata a viaxe de Amadou e a súa tribu a través dunha sabana cada vez máis árida e poeirenta, fuxindo da violencia e da seca en busca dalgún lugar onde asentarse.
Por unha banda, temos o relato do día a día da tribu, e a todos chamounos a atención o enxeño con que as mulleres e os nenos obtiñan a auga e o alimento agochados nunha terra aparentemente deserta: a auga que se atopaba baixo as raíces dunhas determinadas plantas ou o gran almacenado polas formigas nos grandes formigueiros. Tamén comentamos o feito de que foran as mulleres as que se encargaran da supervivencia e do mantemento da tribu,  mentres que os homes se dedicaban unicamente á guerra, a cazar e a falar.

Pero por outra banda, tamén aparecen intercalados temas como o da  escravitude infantil e o dos nenos soldado, que aínda que parece que forman parte  dunha historia fantástica, son por desgracia unha realidade que  existe aínda nalgúns lugares de África. Falamos así da historia tan triste de Numba, o irmán de Amadou, e da aventura do protagonista e o pai para rescatalo, aínda que ó final, tiveran que dalo por perdido. E tamén comentamos o enigmático final, coa “gran formiga”, o camión cheo de gran que aparece trala tormenta de arena. Moitos dos nosos lectores e lectoras estaban seguros de que tivera que ser Numba quen o levara a escondidas para axudar á súa tribu. O certo é que ó final, a aparición deste camión xuntouse coa repentina aparición da chuvia e así Amadou e o seu clan puideron asentarse por fin e sementar o gran. Un final feliz que nos deuxou a todos cun bo sabor de boca.

17/02/17

Mío, mi pequeño Mío


O último luns, 13 de febreiro, reunímonos de novo  os lectores e lectoras do club de lectura de 1º de ESO para comentar a novela  Mío, mi pequeño mío, da famosa escritora sueca Astrid Lindgren, autora da coñecida  Pippi Calzas Largas. Esta novela encantounos a todos pois, aínda que comeza cunha historia bastante triste dun neno,  Bosse, non querido polos tíos que o coidan , enseguida entrará en contacto, a través dun xenio atopado nunha vella botella,  cun mundo marabilloso onde terá todo aquilo que desexa: un pai que o agardaba e que o quere, que ademáis será o rei dun mundo case perfecto a non ser polo sinistro Kato, que fai desaparecer a moitos dos que viven no reino. O protagonista terá que enfrontarse con Kato e vencelo, para o cal contará coa axuda do seu bo amigo Yum  e de moitos obxectos máxicos que lle irán regalando distintos personaxes.  Ao final, cómo non, o ben triunfará sobre o mal, e o protagonista, que agora se chama Mío,  sairá vencedor.
Á historia non lle falta ningún dos ingredientes dunha boa novela fantástica: un cabalo volador, unha capa que fai invisible a quen a leva, unha mazá de ouro, un pozo que conta historias secretas á tardiña, unha espada invencible … Moitos destes obxectos máxicos recoñecéronos as lectoras e lectores noutras historias que leran ou viran no cine, como as de Tolkien, ou as da serie de  Harry Potter de J.K. Rowling.  
Ao acabar a novela, non sabemos se toda a aventura que vive o protagonista non é máis que un soño do que espertará  para volver ao seu mundo “real”  ou se quedará a vivir para sempre no País da Lonxanía , pois non queda claro de todo.  Aínda que houbo distintas opinións ao respecto, o  mellor é pensar que  seguirá vivindo nese reino onde será Mío, o fillo do rei, e vencedor de Kato.

Ao longo da reunión, como sempre, disfrutamos non só  da conversa sobre a lectura  senon tamén  dalgúns doces cos que a amenizamos.                       

16/02/17

Los infortunios de Sbovoda

O luns 13 de febreiro tivemos unha  reunión do Club de lectura dos maiores (2ºESO-BAC). Nesta ocasión o libro escollido foi Los infortunios de Sbovoda do escritor húngaro János Székely , unha brillante alegoría da invasión nazi que sitúa nunha pequena vila checa. Se ben a obra foi escrita na década de 1940, nos limos a edición da mesma publicada en 2015 por Impedimenta.
Para comezar, e para situarnos, falamos un pouco sobre o contexto, no espazo e no tempo, da obra: xeografía e historia, imperio austrohúngaro, guerras mundiais e cambios na Europa política.... Falamos tamén sobre o autor, que exerceu como guionista de cine en Hollywood, chegando a acadar un óscar. Continuamos logo coa análise da obra por parte dos membros do club e un intercambio de opinións sobre a trama, analizamos os personaxes e os seus comportamentos (por suposto con diferenzas de opinións en algúns casos), e falamos sobre como se pode escribir sobre un tema tan escabroso dunha forma tan orixinal, fácil de ler e incluso, poderiamos dicir, divertida.

A maioría coincidimos en que nos gustou, e todo isto despois dun merecido xantar (con sobremesa incluída) logo dunha dura mañá de clases.

02/12/16

Cabalos e lobos


O luns 28 de novembro fixemos a  primeira sesión do club de lectura (2ºESO-1ºBAC) do curso 2016-17. Empezamos con “Cabalos e lobos” de Fran P. Lorenzo. Asistiron 20 alumnos.

O comezo da sesión,  a opinión xeneralizada era que non lles gustara moito e algunhas partes lles resultaran difíciles de comprender, especialmente para os de 2º da ESO. Tamén lles costou descubrir os distintos planos temporais da trama. 

Nembargantes, cando empezamos a falar dos distintos temas que trata a novela -o desenrolo da cidade de Vigo, a peculiaridade da rúa “Privada moderna”, a importancia xeoestratéxica da cidade nos anos da 2º Guerra Mundial- comprenderon mellor o libro e descubriron unha parte da historia da cidade para eles completamente descoñecida, incluso fisicamente.


Pero sen dúbidas, o tema que suscitou máis debate e interacción foi o tratamento da homosexualidade, a represión, vergoña e secretismo que vivira o tío da protagonista e a naturalidade como a vive Thomas, o fillo da protagonista.

18/11/16

Cando petan na porta pola noite


O pasado luns 14 de novembro tivemos a nosa primeira reunión do Club de lectura coas lectoras e lectores de 1º de ESO. O libro que escollemos foi Cando petan na porta pola noite, de Xavier P. Docampo, unha colección de catro narracións curtas de medo e que gañou hai uns anos o Premio Nacional de Literatura Infantil. Estes relatos arrepiantes gustáronnos moito a todos: cheas de crimes, aparecidos e misterio, son desas historias para contar de noite, entre amigos. Como di o seu autor, para contar ao carón do lume. Ao fío desas historias terroríficas, tamén xurdiu o relato de lendas urbanas como a da autoestopista da curva, que teñen moito que ver coas que lemos no libro de Docampo.
A reunión foi, como sempre, amena e divertida. Como as demais, tamén foi endulzada con algunha que outra larpeirada.

16/06/16

Calvin y Hobbes


Esta semana tivo lugar a derradeira sesión do club de lectura. Nesta ocasión charlamos sobre Calvin y Hobbes. Pensamos que a estas alturas de curso era mellor unha lectura "lixeiriña" e que nos levara a esquecer o costoso da recta final por iso, aconsellados por Dani, o noso profe de cabeceira, no que a cómic se refire, mergullamos nas tiras de   Bill Watterson, un grande do xénero.

Foi, precisamente, Dani o encargado de abrir a charla cunha pequena semblanza do autor. Destacou como, despois de dez anos publicando as súas tiras diariamente, cando estaba na cima do éxito, decidiu deixalo para, como él mesmo indica na carta de despedida "traballar a un ritmo máis meditativo". Dani salientou a integridade deste creador que dende sempre renunciou a que os seus persoaxe saíran das tiras para seren utilizados en merchandising.


Despois de compartir impresións xerais sobre a obra,  pasamos a reflexionar sobre as personalidades de  Calvin, Hobbes, a nai, o pai, Susie, o matón Moe, a profe Carcoma ou mesmo o Capitán Spiff, ese alter ego aventureiro de Calvin. Falamos de intertextualidade presente na obra , dos superheroes, do cine de suspense e aventuras e mesmo da literatura que hai detrás deste cómic. Proxectamos varias tiras para analizar a imaxe, o encadre das viñetas que desaparece cando o autor precisa que todo flúa, a distibución do espazo, a cor, o texto...

E comprobamos que baixo a apariencia de lectura "lixeira", late unha profunda reflexión sobre a política, os costumes, a sociedade, a familia, a vida.

Todo, por suposto moi ben aderezado con suculentos e exquisitos doces, elaborados non só polos profes, pois temos entre o alumnado lector estupendos reposteiros.


O vindeiro curso... CONTINUARÁ



01/06/16

Visita a Monforte da man de Manuel María

O venres 27 de maio fomos cos mozos e mozas dos clubs de lectura a Monforte de Lemos. O concello achegounos unha ruta e un acompañante que nos levou por distintos puntos da vila seguindo o Cancioneiro de Moforte de Manuel María, escritor que viviu a meirande parte da súa vida nesta vila lucense. Cada alumno ía provisto dos poemas e un plano de Monforte para situarnos no percorrido.
Comezamos a visita guiada no Campo da Compañía e o Mosteiro dos Escolapios. Neste espazo fixemos visita á capela e a escaleira do colexio, onde fixemos as primeiras lecturas: Eu nacín en outono e Cancionciña en lembranza da festa das reliquias. Seguimos achegándonos ao tranquilo río Cabe, onde lemos Poemiña do río Cabe. Pasamos agora pola Ponte Vella e chegamos ao Convento de Santa Clara, aquí lemos a Canción da Ponte Vella e Convento de Santa Clara. Despois visitamos, sempre atentos ás explicacións do guía, o centro de interpretación do viño da Ribeira Sacra, antigo concello onde realizou o seu traballo Manuel María como procurador. Neste precioso espazo realizamos a lectura da Canción da Vendima.
A continuación marchamos cara á Praza de España e lemos o poema adicado a Inés de Castro, logo de escoitar a súa apaixonante historia. Subimos despois polas estreitas rúas do Monforte Medieval, pasando pola xudería, visitando as dúas portas que aínda quedan en pé da antiga muralla. Chegamos ao Monte de San Vicente, onde está o Pazo, o Mosteiro e a Torre. Lemos aquí o poema Monte de San Vicente do Pino, ao tempo que desfrutamos dunha marabillosa vista de Monforte. Baixamos novamente cara ao centro, paseamos pola rúa do Cardenal e rematamos no busto que a vila ten adicado ao escritor. Aquí lemos Canción da rúa do cardenal e Carné de identidade.

Pola tarde aproveitamos a viaxe de volta para visitar o convento cisterciense das Bernardas en Ferreira de Pantón. Aquí fixemos entrega dun agasallo a Pedro Mirón, alumno do instituto que remata este ano 2º de bacharelato e que foi un colaborador e fiel participante no Club de Lectura durante a súa estadía no noso centro. Completamos a viaxe cun paseo polo casco de Ribadavia. Un día completo e moi ben aproveitado.